Cambados avanza na mellora da xestión de residuos coa posta en marcha de dous proxectos medio ambientais

CAMBADOS> O concello de Cambados pon en marcha dous proxectos para mellorar a xestión dos residuos no municipio: A adquisición dun punto limpo móbil portátil e a distribución de ferramentas para fomentar a compostaxe. As dúas iniciativas supoñen un investimento de 200 mil euros, financiados na súa maioría pola consellería de Medio Ambiente.

O futuro da xestión de residuos nos concellos pasa por xerar despoxos cero nos contedores municipais. Con este obxectivo o concello de Cambados pon en marcha dous proxectos para mellorar a xestións dos residuos na vila. O primeiro consiste na adquisición dun punto limpo móbil.

O punto desprazarase cada semana a unha parroquia, agás na de Oubiña, xa que nela está situado o punto limpo da vila. Co segundo proxecto o concello busca fomentar a compostaxe e mellorar a xestión de bioresiduos. Para elo en primeiro lugar adquirirá 400 composteiros.

Os composteiros comunitarios estarán situados na vila e os individuais nas parroquias. Para mellorar as tarefas de compostaxe, o concello tamén adquiriu maquinaria para triturar.

Dende o concello destacan a labor do mestre composteiro, Dani Cacabelos, para poder levar a cabo estes dous proxectos. Os interesados en utilizar a maquinaria de trituración deberán contactar co concello e realizar un curso de formación previa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí