A Orde do Albariño homenaxea a sanitarios e forzas da orde nun Capítulo con aforo reducido

CAMBADOS> Este 2020 non haberá Festa do Albariño pero a Confraría do Capítulo Serenísimo si celebrará o seu acto. A emerxencia sanitaria provocada pola COVID-19 non só afectará á organización da cita, que reducirá o aforo e eliminará o tradicional desfile. Tamén marcará as distincións que se entreguen: só distinguiranse dous Cabaleiros e varios Albariñenses de honra, todos relacionados cos colectivos que traballaron para frear a pandemia.

A loita contra a pandemia do coronavirus marcará o Capítulo Serenísimo da Confraría do Albariño. A pesares de que non se celebrará Festa do Albariño, o ente si mantén o acto do día grande o domingo 2 de agosto, que este ano dedicará aos que loitaron na emerxencia sanitaria.

Para reducir o acto, entregaranse menos distintivos. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, e o investigar José Manuel Martín Costas serán os cabaleiros que este ano se incorporan á orde. Tamén se manteñen os Albariñenses de honra, que recaen na Garda Civil, a Brilat de Pontevedra, as policías locais, nacional e autonómica, a Axencia Galega de Emerxencias, os bombeiros e a asociación de médicos de urxencias, que representará o médico do Hospital do Salnés Tato Vázquez.

A COVID-19 marca o contido da cita e tamén a organización. O evento perde o tradicional desfile polas rúas de Cambados. O acto celebrarase coma sempre no patio de armas do Pazo de Fefiáns ás 12 do mediodía, encabezado polo Gran Mestre da orde, Alberto Núñez Feijóo. Tamén estará marcado polas restricións recomendadas para garantir a seguridade sanitaria.

O sábado, ás 12 e media do mediodía, celebrarase o tradicional irmandamento cunha confraría gastronómica. Este ano será coa do Rabelo, e só asistirán dous representantes chegados de Portugal. Ademais, a banda de gaitas verase reducida a un só intérprete. Ao finalizar o acto, celebrarse un showcooking no patio de armas de Fefiñáns. A todos os eventos só poderá asistirse con invitación nominal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí