Dous fuxitivos relacionados co Salnés, entre os dez máis buscados pola Policía Nacional

O SALNÉS> Dous fuxitivos da zona das Rías Baixas, entre os dez prófugos máis buscados pola Policía Nacional.

Un deles é Baltasar Vilar Durán. Coñecido como Saro, está condenado a 45 anos de cadea por delitos de tráfico de drogas. Era un recoñecido condutor de planeadoras e as investigacións policiais relaciónano co narcotráfico colombiano. Actualmente ten 67 anos e leva desaparecido dende o ano 2013, tras coñecer as condenas de 22 anos de prisión pola Operación Tabaiba e de 11 pola súa participación no alixo de cocaína do buque Ratonero. No momento da súa detención en Madeira, Saro dirixíase ao barco pilotando unha planeadora.

O outro fuxitivo que aparece nesta lista é Segundo Cousido Vieites. De 42 anos e natural de Vigo, foi condenado a unha pena de 32 anos de cadea por abusar de menores de idade cando era profesor de relixión. O home, cura salesiano, fora detido en 2019 despois dun campamento organizado nun colexio de Cambados.