POIO> Poio conta xa co primeiro centro de compostaxe comunitario. Este está instalado na rúa Rosalía de Castro, na parroquia de San Salvador. Un primeiro paso para chegar a cumprir o obxectivo do Concello: habilitar 15 centros comunitarios en todo o municipio.
Xa está en marcha o primeiro centro de compostaxe comunitario de Poio. Para achegar este servizo a toda a veciñanza, a Deputación instalou hoxe esta carpa na rúa Rosalía de Castro. O obxectivo do Concello con este proxecto enmarcado no Plan Revitaliza é claro: darlle unha nova vida ao lixo.
A partir de hoxe, toda a veciñanza poderá levar a este composteiro os seus restos de comida. Aquí farase un proceso de transformación natural de todos eses residuos orgánicos e obterase o compost, un abono natural de alta calidade.
Os beneficios deste plan de compostaxe son múltiples. Dende o ecolóxico, ao reducir a frecuencia de recollida do lixo, ata o económico, xa que a eficacia na xestión de residuos terá unha repercusión nos petos de todos os veciños de Poio.
Todos os veciños que queiran participar neste plan de compostaxe ou que teñan algunha dúbida sobre o proceso, poden chamar ao 604 025 288 ou escribir ao correo electrónico planrevitaliza@concellopoio.gal