O BNG comprométese a construír na canteira da Graña o novo centro de saúde de Poio

POIO> O BNG comprométese coa construción do novo centro de saúde de Poio na canteria da Graña, en Campelo. Os nacionalistas denuncian que os terreos mercados polo anterior goberno local convertéronse nun vertedoiro. Apuntan que se trata dunha infraestrutura fundamental para Poio, mantendo ademais abertos os consultorios de Raxó e Combarro. No caso do actual consultorio de Anafáns, propoñen a súa conversión nun centro de día.

O novo centro de saúde de Poio será unha prioridade para o BNG de chegar á presidencia da Xunta. Esta mañá, o cabeza de lista pola provincia de Pontevedra estivo na canteira da Graña, terreos mercados polo anterior goberno local para a construción do novo ambulatorio. Din que é unha demanda histórica que será realidade con Ana Pontón.

No BNG entenden que se trata dunha infraestrutura fundamental que permitirá contar no municipio con novas especialidades. Din que as instalacións de Anafáns poderían converterse nun centro de día e, ademais, comprométense a manter abertos os consultorios de Raxó e Combarro.

Dende o BNG poñen en valor o traballo feito polo anterior executivo local, coa compra desta parcela de máis de 39.000 metros cadrados, que podería acoller outros servizos, como un pavillón ou un auditorio. A líder da formación no concello lembra que estes terreos xa foron postos a disposición da Xunta. Marga Caldas lamenta a falta de avances, que o goberno de Ángel Moldes rexeitase convoca-la Mesa da Sanidade de forma urxente para coñecer en que punto se atopa o proxecto e que estes terreos se acabasen convertendo nun vertedoiro. 

Máis alá das infraestruturas sanitarias o BNG tamén se compromete co impulso do polígono de Fragamoreira. Denuncian que a Xunta é a responsable da parálise do proxecto.

Ademais tamén inclúen entre as súas medidas para Poio a mellora integral da PO308 e a construción da variante do Vao para desconxestiona-la ponte da Barca.