POIO> O concello de Poio presenta o seu cuarto plan de igualdade entre homes e mulleres. Unha folla de ruta que marca as accións durante os próximos 4 anos encamiñadas a eliminar a discriminación e a violencia de xénero. Este cuarto plan baséase na transversalidade, na igualdade de oportunidade, no empoderamento feminino e na eliminación do machismo.
O concello de Poio presentou o seu cuarto plan de igualdade entre homes e mulleres. Un documento que marca as actuacións a seguir no concello para eliminar a discriminación e a violencia de xénero. Cunha duración de catro anos, o plan estrutúrase en catro áreas.
Aprobado por unanimidade de toda a corporación municipal, este plan busca conseguir unha igualdade plena eliminando todo comportamento discriminatorio e machista contra as mulleres.
Este plan é unha continuación dos tres anteriores. Na súa elaboración tivéronse en conta as medidas que funcionaron dos antigos e se analizaron os comportamentos e as accións que se deberían corrixir. O plan elaborouse de forma consensuada por todas as áreas do concello, o tecido asociativo e as asociacións de mulleres do municipio.
Nunha tirada inicial, o concello creará 100 exemplares, que serán distribuídos por diferentes puntos do municipio. Ademais estará dispoñible de forma online nas webs do concello.