O primeiro tramo da circunvalación de Pontevedra estará rematado a finais de 2022

PONTEVEDRA> O delegado do Goberno en Galicia achegouse hoxe ata Pontevedra para supervisar as obras do primeiro tramo da autovía A-57. Uns traballos que están executados ao 50% e que, segundo anunciou hoxe Javier Losada, estarán rematados a finais de 2022. O tramo, que une A Ermida e Vilaboa, ten unha lonxitude de 6,5 km e ten un custo de case 80 millóns de euros.

As obras do primeiro tramo da circunvalación de Pontevedra están executadas ao 50% e estarán rematadas a finais de 2022. Así o confirmou hoxe o delegado do Goberno en Galicia. Trátase da vía que une A Ermida co Concello de Vilaboa. Un treito que ten unha lonxitude de 6,5 km e que conta cun orzamento de 79,4 millóns de euros.

A este primeiro tramo súmanse outros dous que están en fases moi diferentes. O primeiro, o que une A Ermida con Pilarteiros. Un treito de 5km de lonxitude e 114 millóns de euros de inversión que está aínda en fase de tramitación. O segundo tramo é o que vai dende Pilarteiros ata Curro. Aquí aínda queda por escoller a alternativa definitiva. En total, esta autovía terá un investimento superior aos 300 millóns de euros.

Nesta visita estiveron presentes os alcaldes de Pontevedra e Vilaboa. Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que esta é unha obra “trascendental” para a comarca e por iso pediu que se lle de prioridade a súa execución.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí