A asociación de empresarios de Ribeira pide retrasar o peche da hostalería ata as doce

RIBEIRA> A asociación de empresarios de Ribeira vén de trasladarlle ó Concello unha proposta para poder ampliar nunha hora o horario de peche da hostalería, e adiantar o do comercio. A patronal ribeirense pídelle ó goberno municipal a súa mediación coa Xunta para que permita este cambio, e así bares e restaurantes poidan pechar ás doce.

A solicitude da Asociación de Empresarios de Ribeira prodúcese despois da xuntanza mantida  con representantes do sector hostaleiro do municipio. Na reunión acordouse solicitarlle ó Concello a súa mediación ante a Xunta para conseguir unha ampliación do horario de peche da hostalería durante unha hora, ata as doce, ó menos durante as fins de semana.

Ademais tamén pide que as superficies comerciais dedicadas á alimentación pechen unha hora antes para favorecer a afluencia de clientes ós negocios hostaleiros.

A patronal agarda a que a Xunta acceda ás súas peticións tras conseguir o compromiso do Concello de trasladalo ós departamentos con competencia na materia.