POBRA> O acto forma parte do programa das Xornadas de Homenaxe ó escritor que esta fin de semana chegan ó seu remate. No acto de hoxe, ademais das autoridades locais, tamén tomou parte o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
O concello da Pobra non falla a súa cita con Valle-Inclán a pesar da covid. Como vén celebrando ininterrompidamente dende hai 22 anos, sempre ó redor da súa data de nacemento, e dentro das Xornadas de Homenaxe ó escritor, que se levan desenvolvendo na vila dende hai varias semanas, realizou este mediodía unha ofrenda floral ante a súa escultura, na praza do Cantón da Leña.
No acto tamén tomou parte o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou a importancia deste tipo de actos, para recoñecer a figura dun escritor de talla universal.
Esta noite o Cine Elma acollía tamén a presentación da publicación As Letras Galegas en Caricatura (1963-2020), de Héitor Picallo. As Xornadas chegarán ó seu remate mañá sábado, ás oito, nos exteriores da Torre de Bermúdez, onde se recreará Delicias literarias. Cadros escénicos e musicais, escolma de Un cabecilla, Divinas palabras e Luces de bohemia a cargo da asociación cultural Eiradela.