NOIA> A vixésimo primeira edición da Mostra de Curtas Vila de Noia chegaba esta pasada fin de semana ó seu remate. Como vén sendo habitual, a clausura coincidía cunha gran gala nos locais da Sociedade Liceo na que se entregaron os distintos premios a concurso.
Non faltou a alfombra vermella nin tampouco rostros coñecidos…pero si límites no aforo e con máscara e distanciamento social.
Se non fora por esta razón ninguén se decataría que se tratou dunha gala diferente a outras, condicionada pola covid. Unha circunstancia que apenas se notou..ou si…xa que a Gala tivo precisamente o seu papel reivindicativo en favor da Cultura. Un sector que está a ser tamén un dos máis afectados pola pandemia.
A organización da Mostra, que este ano cumpría a súa 21 edición, estivo de dez. Moito ten que dicir que se trate dun dos festivais máis recoñecidos dos que se celebran actualmente en todo o ámbito nacional, razón pola que hai uns anos foi distinguido coma Festival Colaborador dos Premios Goya na Preselección de Curtametraxes.
O Certame contou ademais este ano coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual, que escolleu tamén a vila noiesa para o lanzamento do seu proxecto Fiestras, co que pretenden achegar o sector audiovisual ó mundo do ensino.
En canto ós premios máis importantes do certame, ó que este ano se presentaron 1.189 curtas chegados dende diferentes países, dos que quedaron 45 finalistas, cómpre destacar ó de mellor curta, que recaeu en Sticker, un traballo chegado dende Macedonia. O de mellor dirección foi para Alberto Utrera por Su rider. O de mellor actor foi para o grego Antonis Tsiotsiopoulos polo seu papel en W, mentres que o de mellor actriz foi este ano compartido por Ana Rayo e Marina Salas, por Pentimento. En canto ó premio do público foi para a curta de animación Roberto, dirixida por Carmen Córdoba
Pero sen dúbida un dos momentos máis emotivos da Gala tiña lugar coa entrega do premio de honra da Mostra de Curtas. Un galardón que este ano recaeu no actor Tristán Ulloa.