Cazolada á desesperada da hostalería para reclamar axudas que eviten o desastre no sector

PONTEVEDRA> Levan tempo advertíndoo pero a situación xa é extrema. A hostalería de Pontevedra saíu este mediodía á rúa para facerse oír. Armados con cazolas, autónomos, camareiros e empresarios de toda a zona vella botáronse á rúa para esixir que escoiten as súas reclamacións: precisan de axudas urxentes para evitar o peche.

Así sona o berro desesperado da hostalería pontevedresa.

Case un centenar de establecementos do centro da cidade baixaron o enreixado este mediodía e substituíron as bandexas por cazolas para facerse oír. As restricións anticovid están rematando cun sector que leva dende marzo ferido de gravidade.

As limitacións de capacidade, os horarios, os peches perimetrais, as reunións só permitidas entre convivintes… son medidas que os están a asfixiar. Tamén piden rematar coa improvisación e que non se repita a situación do pasado venres, cando se aprobaron novas restricións que tardaron só tres horas en entrar en vigor.

Non comparten a idea de que a hostalería é o foco principal dos contaxios nesta segunda vaga da pandemia. Insisten en que eles son os primeiros interesados en cumprir, pero reclaman que non se lles deixe atrás.

Porque as esixencias son continuas pero as axudas, aseguran, practicamente nulas. E recordan que se a hostalería cae, son moitos os que irán detrás.

A intención do sector é prolongar as mobilizacións, e xa están a organizar unha gran manifestación na cidade cumprindo con todas as medidas de prevención.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí