VALGA> Valga solicítalle á Xunta que permita a mobilidade entre o municipio e o veciño de Pontecesures. O alcalde explica que ambas vilas comparten multitude de servizos e que, ademais, os veciños teñen que saír do concello para mercar produtos que non atopan na localidade. Valga, por certo, rexistra hoxe o peor dato dende o inicio da pandemia. Na localidade hai 78 casos activos.
Cunha estreita relación social e económica entrambos municipios, Valga pídelle á Xunta que permita a mobilidade co concello veciño de Pontecesures.
A petición do concello de Valga indica ademais que os veciños tamén teñen que saír fóra das súas fronteiras para mercar produtos que alí non se venden, ó haber moitos menos establecementos que en Pontecesures.
A Consellería de Sanidade comprometeuse a estuda-la petición. O peche perimetral de Valga está en vigor dende a pasada medianoite, dende que o municipio entrou en nivel máximo de restricións. Unhas medidas que, no seu conxunto, apoia o rexedor.
Unha situación que arestora é moi preocupante. Na vila contabilízanse 78 casos positivos. Nunca antes se acadara neste concello un dato tan elevado.
A curva de contaxios leva días sen parar de medrar en Valga. Para que se fagan unha idea, o pasado luns na vila había medio cento de casos, 28 casos menos ca hoxe.