A COVID paraliza a actividade de El Bruc: ‘Se tiña que facer 700 euros á semana, non chegaba nin á metade’

PONTEVEDRA> Finalmente a hostalería terá que pechar nos sesenta concellos con restricións especiais. Entre eles, o de Pontevedra. Esta mañá, antes de coñecer as novas limitacións, o sector pontevedrés anunciou máis mobilizacións para denunciar a súa situación. As medidas tomadas ata o de agora asfixiaban aos hostaleiros. Tanto que algúns xa tiveron que baixar o enreixado. É o caso da cervexería El Bruc. Hoxe falamos co seu propietario, Carlos Fontán.

O 1 de novembro El Bruc botou o peche. Tras cinco anos na rúa Sarmiento de Pontevedra, Carlos Fontán tivo que tomar a decisión de paralizar a actividade da súa cervexería.

Dende o seu local notou como a situación se complicaba dende o mes de xullo. Finalmente, en novembro a incertidume e as medidas restritivas para frear a COVID non lle deixaron opción.

Dentro das dificultades, foi dos afortunados. Conseguiu chegar a un acordo co seu caseiro, e non terá que aboar o aluguer ata retomar a actividade. Pero advirte que a situación da hostalería é límite.

E é que as restricións que se aplicaron á actividade da hostalería non viñeron acompañadas de reducións de impostos. Por iso mira con certa envexa as medidas que se tomaron noutros países.

Polo de momento, o enreixado de El Bruc continuará pechado, pero Carlos confía en que sexa algo temporal.

Iso si, non cre que as medidas que se están a tomar cheguen a tempo para salvar a campaña de Nadal, que xa dá practicamente por perdida.