PONTEVEDRA> Xa hai máis dun ano que a covid chegou ás nosas vidas. Un ano de pandemia que sorprendeu a moitos emprendedores ás portas de comezar os seus negocios. É o caso de Rosabel Mora, unha pontevedresa que estaba a acondicionar o seu estudo de maquillaxe cando comezou o confinamento. Agora segue a loitar por manterse a flote. Para elo, recorreu a un crowdfunding: microdoazóns para que as portas de PonteMakeUp poidan seguir abertas.
Cando Rosabel Mora se decidiu a apostar polo seu soño, unha pandemia mundial non entraba nos plans de ninguén.
Pero tan só un mes despois de atopar o local perfecto para montar o seu estudo de maquillaxe, na rúa Castelao, en pleno corazón de Pontevedra, o coronavirus cruzouse no seu camino.
Dende outubro, PonteMakeUp é unha realidade que se mantén a flote non sen dificultades.
Tanto que hai un par de semanas Rosabel tivo que tomar unha decisión. Entre pechar as portas de PonteMakeUp ou lanzarse á piscina, decidiu poñer todas as cartas sobre a mesa. Así naceu unha campaña de crowdfunding na plataforma Go Fund Me coa que aspira a conseguir 15.000 euros para facer melloras no negocio e mercar material. A cambio, os donantes recibirán distintas recompensas.
Rosabel explica que a campaña comezou con forza. Un impulso co que agarda resistir nestes tempos complicados e marcados pola pandemia.
Aquí poden consultar os detalles da campaña:
https://www.gofundme.com/f/colabora-con-pontemakeup?member=9497268&sharetype=teams&utm_campaign=p_na+share-sheet&utm_medium=copy_link&utm_source=customer