Hostaleiros pontevedreses doarán a comida xa mercada para evitar que se estrague durante o peche

PONTEVEDRA> Esta medianoite, a hostalería de sesenta concellos galegos pechará durante un mes. Unha das cidades nas que se aplica esta medida para frear o avance da COVID19 é Pontevedra, e o seu sector está a organizarse para intentar sacar algo bo desta situación. Por iso preparan para mañá unha recollida de alimentos para entregar ao banco da asociación O Mirador de Monteporreiro toda a comida que teñen mercada pero que non poderán servir aos seus clientes.

O presidente da Xunta de Galicia anunciaba o mércores o peche da hostalería en sesenta concellos durante un mes para frear o avance da pandemia a partires desta medianoite. A medida colleu por sorpresa a moitos locais, que xa tiñan as neveiras cheas de produto.

A hostalería pontevedresa é unha das afectadas, pero están decididos a sacar algo bo deste duro golpe para eles. Por iso puxéronse en marcha para organizar unha recollida de alimentos en favor do banco da asociación de veciños O Mirador de Monteporreiro.

A entrega está programada para mañá sábado, entre as 12 e as 2 do mediodía e as 6 e as 8 da tarde nos locais Estafeta, na praza Celso García de la Riega, e Mulligan’s, na rúa Cruz Gallástegui. A campaña está aberta a todo o comercio e, como non, á cidadanía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí