Cambados, á espera de confirmar que pasa ao nivel máximo de restricións

CAMBADOS> Cambados dá por feito que o comité clínico vai anunciar mañá que pasa ao nivel máximo. Os casos estanse multiplicando na vila, acadando hoxe xa os 52. Para que se fagan unha idea hai dúas semanas había en torno a 20 positivos. Detrás deste gran incremento, atópanse dous gromos familiares.

Os casos de coronavirus non paran de medrar en Cambados. Hoxe, a vila rexistra 52. Detrás desta situación hai dous gromos familiares, que multiplicaron en cuestión de días o número de casos activos.

O municipio sitúase dende hoxe no nivel alto, pero ante esta situación, na vila todo o mundo dá por feito que mañá a Xunta vai anunciar que pasan ao nivel máximo. Ese nivel, onde tamén se sitúa Vilanova, implicaría o peche da hostalería, que só poderá servir para levar.  Tamén se implantaría o peche perimetral da localidade, da que non se podería nin entrar nin saír agás causa xustificada.

Do cribado de onte saíron 4 positivos. Unhas probas nas que a particibación non foi mala.

O goberno local estuda xa a cancelación do programa cultural das Letras Galegas, que incluía diferentes actuacións e eventos ao longo de todo o mes de maio.