Poio reparte 2.000 máscaras entre os traballadores municipais para previr contaxios de coronavirus

POIO> O Concello de Poio faise con 2.000 máscaras para os traballadores municipais. O goberno local vai repertir este material de protección entre o persoal que nestes momentos está máis exposto ó coronavirus.

O Concello de Poio acaba de adquirir unhas 2.000 máscaras. Están sendo repartidas entre o persoal municipal e as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar.

O goberno local estalle a dar prioridade a aqueles departamentos que están máis expostos ó coronavirus. Entre eles, polas tarefas que desempeñan, atópase a Policía Local, Protección Civil ou o Servizo de Axuda no Fogar, que na actualidade presta asistencia a máis de medio cento de persoas no municipio.

Ao mesmo tempo, a Comisión do Seguimento do COVID-19 de Poio acordou reclamar a diferentes institucións a dotación de material preciso para garanti-la seguridade dos traballadores municipais.

Esta reclamación xa foi trasladada á Subdelegación do Goberno en Pontevedra, ó SERGAS e á Federación Galega de Municipios e Provincias.

Con todo, dende o Concello aclaran que só se aspira a recibir ese material unha vez estea garantido o abastecemento para o persoal dos centros sanitarios.