O GROVE> Xa está en marcha a campaña da centola deste 2020. O primeiro lote deste prezado crustáceo vendeuse na lonxa do Grove a 18 euros. Unha contía que, aínda que está moi lonxe dos históricos 29.50 do ano pasado, o sector ve con certo alivio ante a incerteza dunha campaña marcada polo peche da hostalería e a COVID19.
O primeiro ‘centolo do Grove’ deste 2020 vendeuse esta tarde na lonxa por 18 euros o quilo. O prezo está lonxe dos históricos 29.50 que se pagaron o ano pasado polo primeiro lote, pero que foi ben recibido dende o sector.
Este ano a campaña arranca máis pendente, se cabe, do mercado. Preocupa o peche decretado na hostalería durante un mes en 60 concellos de Galicia pola COVID19 e en moitas outras capitais españolas, que se suma á incerteza xeralizada pola situación de crise sanitaria.
A outra cara da moeda viuse este ano no mar. A primeira xornada de capturas foi boa, e os mariñeiros completaron con certa rapidez os copos de 35 quilos por barco ao día e outros tantos para cada tripulante fixados pola Consellería do Mar.
Cantidade e, por suposto, calidade. Algo que vén refrendado por segundo ano polo selo ‘Centolo do Grove’ impulsado dende a confraría.