Rouban 5200 berberechos nunha batea da Ría de Arousa que formaban parte dun proxecto do CIMA contra a Marteilia

VILANOVA> Rouban na Ría de Arousa 5 mil dous centos berberechos que pertencían a un proxecto de investigación do Cima de Vilanova. O proxecto científico tiña como obxectivo facer que estes moluscos resistisen ao parasito Marteilia. O proxecto estaba a punto de chegar ao seu final tras preto de cinco anos de investigacións.

Os ladróns non descansan nin en tempos de pandemia. As vítimas do roubo nesta ocasión foron os científicos do Centro de investigacións mariñas de Vilanova. O botín subtraído foron 5200 berberechos produtos dun estudo científico que buscaba mellorar a resistencia destes moluscos ao parasito Marteilia.

A investigación levaba case 5 anos de estudos. Os investigadores estaban a punto de pechar o proxecto coa terceira xeración destes berberechos. Uns estudos únicos en todo o mundo.

Os científicos intentarán coas mostras do CIMA continuar coa investigación. No caso de que non sexa posible o proxecto terá que volver a reiniciarse dende practicamente o punto inicial.

Este roubo supón un agravio para as investigacións dos científicos do CIMA pero tamén para o sector marisqueiro.

Dende o CIMA sinalan que os coñecementos obtidos coa investigación poderían axilizar os tempos, pero que aínda así habería que agardar uns cantos anos para rematar o proxecto. A consellería xa presentou a denuncia ante garda civil agardando, ao menos, atopar aos culpables.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí