As compras neste supermercado teñen premio para a hostalería de Vilagarcía

VILAGARCÍA> Se hai algo que está a favorecer a crise sanitaria que atravesamos son as accións solidarias e de apoio aos que peor o están a pasar. En Vilagarcía, os responsables do supermercado Eroski City da praza de España teñen en marcha unha campaña para axudar a un dos sectores máis golpeados: a hostalería. A súa idea: sortear corenta bonos de dez euros entre os seus clientes para consumir cando os locais da vila poidan reabrir as súas portas.

Están a ser tempos difíciles para todos. Jacobo López e Andy Canabal sábeno ben. En decembro haberá un ano que se puxeron á fronte do supermercado Eroski City da Praza de España de Vilagarcía en réxime de franquicia, e despois de pouco máis de tres meses o coronavirus irrompeu na nosa realidade. Agora non son alleos ao impacto das novas medias para frear o avance da pandemia, sobre todo o peche obrigado da hostalería.

O peche de restaurantes e cafeterías resta vida ás rúas, pero tamén reduce clientes de supermercados como o deles. Por iso quixeron poñer o seu gran de area.

A campaña funciona dende hoxe, e consiste no sorteo de corenta bonos de dez euros entre os seus clientes para gastar na hostalería de Vilagarcía unha vez volva levantar o enreixado. Prolongarase ata o 4 de decembro, cando está prevista a agardada reapertura.

Para conseguir que a iniciativa chegue o máis lonxe posible, Jacobo e Andy contactaron con Ahituvi e Zona Aberta. Todos os hostaleiros que queira participar poden poñerse en contacto con calquera das dúas asociacións ou achegarse ata Eroski City, na Praza de España, para deixar os seus datos e que os inclúan na lista de establecementos nos que se poderán gastar os bonos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí