Carsa negociará dende o venres un ERTE de dous anos para todos os traballadores

VILAGARCÍA> A empresa vilagarciá Carsa pon sobre a mesa un expediente de regulación de emprego temporal para todos os seus traballadores. A proposta foi presentada esta mañá ao comité de empresa, e as negociacións comezarán o venres. O ERTE prolongaríase durante dous anos, en función das necesidades de produción. A folga convocada polo despedimento de 15 traballadores indefinidos a semana pasada quedou paralizada, á espera de coñecer a proposta da compañía.

Un expediente de regulación de emprego temporal para os vindeiros dous anos. Esta é a proposta que esta mañá puxo sobre a mesa a empresa vilagarciá Carsa. Segundo trasladaron ao comité, precisan recorrer á suspensión de contratos por causas organizativas e de produción, pola baixada dos pedidos.

As negociacións comezarán o vindeiro venres. Ante esta situación, o comité decidiu paralizar o inicio da folga indefinida prevista para este xoves, á espera de coñecer en profundidade a proposta da compañía.

Esta semana, Carsa continuou notificando o despedimento dos 15 traballadores indefinidos anunciado a semana pasada. Eles quedarían fóra do ERTE proposto hoxe pola compañía, aínda que a CIG comprometeuse a pelexar para que tamén se lles inclúa nesta regulación de emprego.

Segundo explica Xoan Xosé Bouzas, o número de 15 despedimentos non é casual. Deste xeito, a empresa evita ter que iniciar un expediente de despido colectivo coas súas correspondentes negociacións. A extinción desta quincena de contratos súmase á dos 56 traballadores temporais, que Carsa rescindiu o pasado 31 de outubro.