Pontevedra prepara unha campaña para promocionar o gastromercado tras a crise sanitaria

PONTEVEDRA> O Concello de Pontevedra prepara unha campaña de dinamización do espazo gastronómico do Mercado para cando poida retoma-la normalidade. En canto reabran as instalacións do primeiro andar, o goberno local vai impulsar unha serie de actividades promocionais.

O espazo gastronómico do primeiro andar do Mercado de Pontevedra viu freada a súa actividade pola crise do coronavirus. Coa vista posta na súa reapertura e na volta á normalidade, o concello pontevedrés traballa na posta en marcha dunha serie de actividades dinamizadoras.

A campaña será financiada con fondos europeos. Suporá un investimento de 315.000 euros durante os próximos dous anos. Vai estar dividida en dúas partes: unha primeira para confeccionar un programa de actividades e unha segunda, de promoción.

O concello cre  que agora, con toda a actividade parada no primeiro andar do Mercado é o momento de confeccionar esta campaña, para ter todo a punto para cando regrese á normalidade.

Con todo, segundo avanzan dende o Concello, o concepto do espazo gastronómico terase que adaptar no futuro ás restricións que se aplicarán á hostalaría durante a desescalada. Din que o máis seguro é que haxa que reducir o número de mesas e, polo tanto, o seu aforo.