BOIRO> A nova campaña que vén de poñer en marcha a Asociación Boirense de Empresarios ten coma finalidade o emprego de bonos regalo para que as persoas que o desexen poidan agasallar con eles. Os bonos xa poden adquirirse na propia sede da ABE. Dende a patronal fan un chamamento ás empresas da localidade para que os empreguen tamén como aguinaldo de Nadal para os seus empregados.
Con esta campaña #regalaboiro, a ABE volve a dar un pasiño máis de cara ó fomento do comercio e a hostalería local nunha época ademais como a actual, en plena pandemia, na que estes dous sectores non están a pasar polo seu mellor momento. Trátase dunha iniciativa pioneira a nivel comarca, e consiste na venda de bonos regalos que poderán ser canxeados posteriormente nos negocios de Boiro.
Dende a patronal local fan ademais un chamamento ás empresas da localidade a que empreguen estes bonos regalo como aguinaldo de Nadal para os seus traballadores.
Precisamente unha das empresas máis importantes do Concello, como é Jealsa, xa anunciou a súa intención de mercar un lote destes bonos para realizar un sorteo entre tódolos seus empregados.
Dende o Concello destacaron tamén este tipo de iniciativas que buscan fomentar o consumo local.
Os bonos xa están dispoñibles na sede da propia patronal local. Poderán empregarse coma billetes de curso legal en calquera dos preto de douscentos negocios adheridos á campaña.