RIANXO> Esta mañá tiña lugar a presentación oficial do festival Rock in Rian, no que ademais da organización do certame que chega este ano a súa 17 edición, tomaron parte tamén representantes das principais empresas patrocinadoras, así como autoridades.
O Festival celebrarase xa este venres e o sábado no Parque de Galicia, a carón do auditorio, cun total de 17 grupos no cartel, entre os que destaca a banda de punk Boikot.
O Festival conta este ano co patrocinio de varias empresas, como é o caso de Estrella Galicia e Congalsa, así como tamén da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, que coas súas aportacións fan posible que poida celebrarse.
Pero o Festival será moito máis, con actividades tamén de balde, para disfrutar toda esta semana, e que arrancarán xa mañá martes cunha actuación de maxia na praza de Padrón ou o mércores co Rian-xoga, un encontro de xogos populares.
Tampouco faltarán o tradicional Rock in-fantil o xoves ou os tradicionais pasabares e a animación de rúa, o venres e o sábado, ós que se sumará tamén a clasificatoria da Liga CeibaRimas 2025.
Ademais contará con zona de acampada gratuita e postos de comida e artesanía.
A venda de entradas e os abonos para os dous días está dispoñible a través de www.festivalrockinrian.gal.











