PONTEVEDRA> O orzamento da Deputación de Pontevedra ascenderá a case 165 millóns de euros no 2021. A acción nos Concellos será a principal pata destes presupostos. De feito, a institución provincial flexibilizará o Plan Concellos para que os municipios poidan investir os seus recursos na crise da Covid.
164,5 millóns de euros. Ese é o orzamento co que contará a Deputación de Pontevedra no 2021, un 2,2% máis que no 2020. Ademais, a institución provincial conseguirá reducir a débeda por debaixo do millón de euros. A axenda 2030 e os seus 17 ODS serán a folla de ruta deste novo presuposto.
O presuposto de 2021 divídese en 6 liñas de actuación. A principal, a acción cos Concellos. Ademais, cabe destacar que a institución provincial tratará de flexibilizar o Plan Concellos, co obxectivo de que os municipios poidan investir máis recursos en paliar as consecuencias da pandemia.
A segunda liña con máis investimento será a de medio ambiente e políticas de sostenibilidade con 35,5 millóns de euros. A institución provincial destinará 28,4 millóns en modernizar a administración e 21 na reactivación cultural, turística e deportiva. Por último o reforzo da política social contará con 17 millóns e a área de igualdade con 1,4. Ademais deste orzamento, a Deputación está a elaborar un Plan Estratéxico de captación de Fondos Europeos.
A Deputación de Pontevedra espera que os fondos europeos e os remanentes supoñan unha inxección de 45 millóns máis, polo que a administración provincial podería contar en 2021 cun orzamento total superior aos 200 millóns de euros.