Pontevedra intervén de urxencia no carballo de Santa Margarida para evitar a rotura dunha póla

PONTEVEDRA> Actuación de emerxencia no carballo de Santa Margarida, en Pontevedra. O incremento do peso dunha das súas pólas próxima á estrada levou ao concello a realizar tarefas de poda de urxencia e a substituír un dos puntais que axudan a sostela. Un traballo delicado, máis aínda tendo en conta o estado desta árbore senlleira.

O concello de Pontevedra volve actuar de emerxencia para intentar garantir a integridade da árbore máis antiga do municipio: o carballo de Santa Margarida.

Aínda que a árbore é propiedade da igrexa católica e se sitúa no adro da ermida de Santa Margarida, concello e Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, levan anos implicados no seu coidado.

Esta peza cumpriu a súa función. O martes alertou do incremento do peso da póla e hoxe puxéronse en marcha os traballos para substituír o puntal por outro de emerxencia máis axeitado.

A empresa especializada Arbogal estase a encargar desta tarefa. Explican que se trata dunha solución transitoria, pendente dun estudo en profundidade que identifique os problemas do carballo.

Con máis de 300 anos de historia, o carballo de Santa Margarida está, apuntan dende o concello, en coidados paliativos. A árbore padece numerosas pragas coas que ten que convivir.

A de hoxe foi unha actuación de urxencia. De xeito paralelo, a Igrexa xa solicitou unha axuda á Xunta de Galicia na liña de Protección e Conservación de Árbores Senlleiras. O obxectivo é realizar unha intervención completa, incluíndo a retirada do asfalto da contorna da árbore, unha poda intensiva e a aplicación de novos tratamentos para controlar os fungos e pragas.