O Tribunal Supremo absolve a Rafael Louzán do delito de prevaricación administrativa

PONTEVEDRA> Rafael Louzán, absolto do delito de prevaricación administrativa. O Tribunal Supremo decidiu finalmente estimar o recurso presentado polo expresidente da Deputación de Pontevedra. Así, botou abaixo a sentenza condenatoria da Audiencia Provincial pontevedresa de 7 anos de inhabilitación para emprego ou cargo público pola concesión dunha subvención para as obras de mellora no campo de fútbol de Moraña. Esta decisión permitiralle seguir no seu cargo de presidente da Real Federación Española de Fútbol.

O Tribunal Supremo absolve a Rafael Louzán do delito de prevaricación administrativa. Tivo así en conta o recurso presentado polo expresidente da Deputación de Pontevedra, que fora condenado pola Audiencia Provincial pontevedresa a sete anos de inhabilitación para emprego ou cargo público.

Os feitos xulgados remóntanse ao ano 2011. Referíanse á concesión dunha subvención de algo máis de 86.000 euros para financiar unhas obras de mellora no campo de fútbol do Buelo, en Moraña, cando Louzán era presidente da administración provincial. Rematada a obra, a empresa adxudicataria realizara actuacións que non estaban contempladas no proxecto inicial, que fora redactado pola Deputación. Como non se podían pagar con cargo á primeira subvención, a Xunta de Goberno provincial acordou no 2013 conceder unha segunda achega que cubrira o custo destas obras non previstas.

O Supremo considera que os feitos probados non constitúen delito de prevaricación. Apunta que o contrato foi adxudicado para pagar ao contratista dunhas obras xa realizadas e que non se abordaron por unha connivencia entre os involucrados. Conclúe que a administración contratante tiña que aboar as obras xa realizadas, desbotando que o ordenamento xurídico obrigara ao presidente provincial, por aquel entón Rafael Louzán, a demoler a obra feita ou a non pagar os traballos.

Sinala, iso si, que destes feitos podería derivar unha responsabilidade administrativa ou contable.

O Tribunal absolveu tamén ao exdirector de Infraestruturas da Deputación, ao administrador e a un representante da empresa construtora que tamén foran condenados a sete anos de inhabilitación como cooperadores do delito de prevaricación atribuído a Louzán.

Con esta sentenza, Rafael Louzán ten o camiño libre para continuar no seu cargo como presidente da Real Federación Española de Fútbol. Responsabilidade que ocupa dende o pasado 16 de decembro, tras recibir o apoio maioritario dos asembleístas.