O Ribadumia enfrontarase ao Cádiz nun partido de Copa histórico

RIBADUMIA> O Ribadumia consegue o seu soño e enfrontarase a un equipo de primeira na Copa do Rei. Terase que enfrontar ao Cádiz. O equipo andaluz, así e todo, non era a primeira opción dos de Luís Carro, que aspiraban a que o Atlético de Madrid ou o Betis viñesen xogar á Senra.

O emparellamento do sorteo da Copa do Rei deixa un sabor agridoce nas filas do Ribadumia. Tocoulle o Cádiz, un equipo que acaba de volver a Primeira logo de 14 anos,  pero que forma parte da historia do fútbol español.

O conxunto aurinegro soñaba con enfrontarse ó Atlético de Madrid ou ó Betis. Coas dúbidas despexadas, agora o equipo prepárase para a súa gran xesta: tentar xogarlla ó Cádiz.

Unha misión nada doada tendo en conta a quen se enfrontan. O Cádiz é agora mesmo sexto na Liga. Os andaluces están nun gran momento logo de gañarlle ó Real Madrid hai unhas semanas  no Alfredo Di Stéfano. Un fito que non ocorría dende había 110 anos. O adestrador do Ribadumia recoñece que pasar de fase é practicamente imposible.

Xogadores, directivos, persoal técnico e algún que outro veciño seguiron o sorteo da Copa no Auditorio municipal. O alcalde da localidade celebra a xesta do equipo local, situando a Ribadumia no máis alto do fútbol español.

Porque o desexo de todos é que o partido poida xogarse na Senra. Ao longo desta semana, técnicos da Real Federación Española de Fútbol achagaranse ata estas instalacións para avaliar se son aptas para enfrontarse a todo un equipo de primeira división.