O PSOE agarda que o alcalde de Pontevedra aposte polos proxectos ‘pactados con Costas’ na reunión coa Ministra

PONTEVEDRA> O Partido Socialista de Pontevedra, satisfeito co anuncio da reunión entre a Ministra para a Transición Ecolóxica e o alcalde da cidade. Iván Puentes recorda que hai oito meses os socialistas anunciaran o compromiso do Goberno Central coa cidade e coas actuacións do proxecto Pontevedra Flúe. Falando dun investimento de 25 millóns de euros. Agora o líder socialista agarda que Miguel Anxo Fernández Lores aposte por proxectos viables e pactados con Costas para que ese investimento se faga realidade.

O Partido Socialista celebra que o vindeiro 21 de febreiro se produza a reunión entre a Ministra para a Transición Ecolóxica e o alcalde de Pontevedra.

Os socialistas piden a Fernández Lores que se comprometa coa estratexia Pontevedra Flúe, deseñada polo PSOE no anterior goberno. O plan engloba seis proxectos en terreos de Costas para renaturalizar a ribeira do Lérez ao seu paso polo casco urbano e recuperar as Xunqueiras de Alba e de Ponte Sampaio e a parcela de Mollavao. Sitúan o investimento en 25 millóns de euros.

Puentes asegura que a estratexia recolle proxectos realistas e xa moi avanzados. E pediu ao goberno local que deixe de lado a súa aposta polas desafectacións de terreos de Costas.

O líder socialista insistiu en que para levar adiante os investimentos, na maioría dos casos o concello só tería que remitir ao Ministerio os proxectos, que se encargaría da execución, contratación e licitación. No caso da rexeneración integral da Xunqueira de Alba e a recuperación da parcela do antigo campo de fútbol de Ponte Sampaio, Costas está disposta a encargarase tanto da contratación como da execución.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí