Cores Tourís, presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía

VILAGARCÍA> O cambadés Xosé Manuel Cores Tourís, novo presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía. Así o anunciou esta mañá o presidente da Xunta. Cores Tourís fora alcalde da vila cambadesa entre os anos 1999 e 2009 e delegado territorial da Xunta en Pontevedra dende ese ano ata este mesmo 2020. Agora asume este novo cargo en substitución de Sagrario Franco.

Deste xeito, o presidente da Xunta confirmaba o nomeamento de Xosé Manuel Cores Tourís como o novo presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía. Quen fora alcalde de Cambados entre os anos 1999 e 2009, deixou o cargo ese ano para asumir o posto de delegado da Xunta en Pontevedra. Tivo esa función ata este mesmo 2020, cando despois das eleccións autonómicas foi substituído pola morañesa Luisa Piñeiro. Tamén foi senador, e na actualidade é deputado do Partido Popular no Parlamento Galego.

Agora asume a presidencia do porto vilagarcián en substitución de Sagrario Franco. Franco despediuse da Autoridade Portuaria despois de oito anos no cargo.  Hoxe, no consello de administración, asegurou que foi unha honra traballar co equipo do porto vilagarcián, contribuíndo ao progreso de toda a contorna.

Pola súa banda, en nota de prensa o goberno local de Vilagarcía asegurou que confía en que o cambio abra unha nova etapa de entendemento para abordar proxectos a favor da vila. E é que durante o mandato de Sagrario Franco os desencontros entre Porto e concello foron continuos. Hoxe Varela explicou que xa felicitou ao novo presidente polo nomeamento, e destacou que durante a súa etapa como delegado territorial da Xunta sempre mantiveron unha moi boa relación. A intención do rexedor é reunirse con el tan pronto como tome posesión.

Cores Tourís tamén recibiu a felicitación do Partido Popular de Vilagarcía. A pesares de que con esta decisión a Xunta volve optar por escoller a alguén de fóra da vila vilagarciá para ocupar o cargo, dende a formación enxalzaron o seu perfil conciliador, a súa enorme experiencia en distintos cargos de xestión e a súa traxectoria política. Tamén aseguraron que lle ofrecerán todo o seu apoio para seguir traballando pola Autoridade Portuaria e pola cidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí