A modificación da Deup desbloquea o proxecto do novo mercado de abastos de Cambados

CAMBADOS> Portos de Galicia aproba as modificacións para a Deup nos terreos cambadeses de Tragove e San Tomé. Con estes cambis o concello poderá continuar cos trámites do proxecto da nova praza de abastos. Este novo documento tamén permitirá volver utilizar o Salón Peña a celebración de eventos de todo tipo.

No ano 2014 Portos de Galicia aprobaba a Delimitación de Espazos e Usos Portuarios en Tragove e San Tomé. Un documento que afectaba aos proxectos do concello de Cambados nesas zonas portuarias, especialmente á creación da nova praza de Abastos. Coa nova modificación da Deup, o concello poderá continuar cos trámites e elaborar o plan especial para a creación do mercado.

O prazo de caducidade da avaliación ambiental fai que o tempo corra en contra do concello de Cambados. Por iso dende o bipartito solicitan xa a elaboración do Plan Especial, requisito necesario para o desenvolvemento do proxecto da praza de abastos.

As modificacións da Deup tamén afectan aos usos do Salón Peña. Nos últimos anos o concello víase obrigado a realizar actividades só ligadas ao sector do mar, un requisito que cambia con esta modificación e que permite ao concello realizar todo tipo de eventos.

O concello xa solicitou unha reunión con Portos de Galicia para abordar a situación do plan especial da praza e para a elaboración dun novo convenio para o uso do Salón Peña. O obxectivo do bipartito é regular a situación de ambas instalacións para o uso e goce dos veciños de Cambados.