Expertos en Patrimonio debaten en Outes sobre a singularidade do marisqueo

OUTES> A Casa da Cultura de Outes acolleo congreso ‘ A Cultura do Marisqueo na Ría de Muros-Noia’. Trátase do primeiro pasa para a elaboración dunha candidatura para a súa declaración como patrimonio inmaterial por parte da Unesco.

Séculos de tradición avalan a importancia do marisqueo na ría de Muros Noia non só como unha parte singular da súa forma de vida senón tamén pola enorme relevancia socioeconómica desta actividade para toda a comarca. Destacados expertos na materia e profesionais do mundo do mar expoñen estes días en Outes as características máis singulares do marisqueo que o converten nun riquísimo patrimonio inmaterial.

Precisamente, un dos obxectivos deste simposio que terá continuidade mañá é dar os primeiros pasos para a elaboración dunha candidatura sólida coa que solicitar á Unesco a declaración do patrimonio inmaterial da humanidade.

Comeza aquí un longo e complexo camiño de cara a conseguir a tan ansiada declaración; obxectivo que os seus promotores estiman que podería ser unha realidade nun prazo aproximado de ano e medio.