Máis de 300 parellas volverán citarse en Outes no Máster Nacional de Futbolín A Riola

OUTES> O éxito da primeira edición, animou á Asociación Cultural a Riola a organizar o segundo Máster de Futbolín Concello de Outes. Desenvolverase entre o 26 e o 28 de xuño no pavillón municipal onde se reunirán máis de 300 parellas participantes procedentes de toda España.

O concello de Outes converterase a finais de mes na capital do futbolín coa segunda edición do Master Nacional que organiza a asociación a Riola. O ano pasado arrancaba este torneo superando tódalas expectativas con máis de 300 parellas participantes.

O torneo dará comezo o 26 de xuño, cunha xornada gratuíta aberta a todo aquel que queira participar en modalidade cega. Sábado e domingo terá lugar a competición oficial nas distintas modalidades e categorías.

Dende o concello apoian a organización deste torneo de primeiro nivel que ademais de fomentar a práctica deste deporte que congrega cada vez máis adeptos, contribúe a dar visibilidade ó municipio atraendo centos de visitantes de toda España.