As restricións chegan a Ribadumia, Meis e Meaño, que pasan a compartir peche perimetral

SALNÉS> Ribadumia, Meis e Meaño tamén terán restricións para frear o avance da COVID19. Será a partires desta medianoite, segundo anunciou esta mañá o conselleiro de Sanidade. Os tres compartirán peche perimetral, pecharán a súa hostalería e terán que limitar as reunións ás persoas convivintes. Da comarca do Salnés, A Illa de Arousa é o único concello que resiste sen endurecer as limitacións.

As restricións avanzan pola comarca do Salnés para intentar frear o aumento de contaxios de COVID19. Trala reunión do subcomité clínico, o conselleiro de Sanidade anunciaba a decisión de estender as limitacións especiais aos concellos de Ribadumia, Meis e Meaño.

En Ribadumia rexístranse a día de hoxe 79 casos, incluíndo os 38 positivos que se manteñen activos na residencia Domusvi: 21 usuarios e 17 traballadores. En Meis, hai 28 casos, mentres que en Meaño son 24.

Trala incorporación destes tres municipios ao nivel tres de restricións, oito dos nove concellos do Salnés están sometidos ás limitacións máis duras polo crecemento de casos positivos. Só A Illa resiste, con unicamente seis positivos. Sanxenxo rexistra a cifra máis elevada, con 82, mentres que no Grove hai 51 casos activos. En Vilagarcía hoxe confirmáronse 76, 74 en Cambados e 30 en Vilanova.

Ao compartir peche perimetral, os veciños de Meis, Ribadumia e Meaño poderán moverse dentro dos límites dos tres municipios. En todos eles terá que pechar a hostalería, e as reunións estarán limitadas ás persoas convivintes. As medidas serán publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia e entrarán en vigor a partires desta medianoite.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí