O BNG quere 25 millóns máis para Pontevedra para compensar as ‘discriminatorias’ contas do Estado

PONTEVEDRA> O BNG presentará unha batería de emendas ós orzamentos xerais do Estado para tentar conseguir 25 millóns de euros máis en investimentos para Pontevedra. Segundo propoñen os nacionalistas boa parte deses cartos irían destinados a potencia-lo Museo de Pontevedra. Tamén propoñen partidas para mellora-lo entramado urbano da N-550. Demandan a recuperación ambiental da fachada marítima e da Xunqueira de Alba e acomete-lo último treito do paseo a Marín.

25 millóns de euros máis para Pontevedra para tentar corrixir uns orzamentos do Estado que o BNG cualifica de ‘discriminatorios’ con Galicia. Os nacionalistas van presentar unha serie de emendas para facerse con eses fondos para proxectos vitais para a cidade de Pontevedra. Entre eles, queren 15 millóns de euros para potencia-lo Museo de Pontevedra.

As outras tres emendas dos nacionalistas centradas en Pontevedra contemplan 5 millóns de euros para a humanización da N-550, outros 5 millóns para a recuperación da fachada marítima e da Xunqueira de Alba e outro millón máis para a execución do derradeiro treito do paseo a Marín.

Consciente de que o goberno conta xa cos apoios suficientes para que os orzamentos saian adiante, o deputado nacionalista no Congreso confía en que as emendas de Pontevedra sexan incorporadas, atendendo ó interese dos proxectos.

Malia que as contas non son do gusto dos nacionalistas, eles sacan peito, poñendo en valor a súa presenza no Congreso como clave para proxectos vitais para a cidade.

Aínda así, tanto Lores como Rego coinciden en que os orzamentos deseñados polo goberno de coalición son malos para Galicia. Amosan o seu rexeitamento a unhas contas expansivas que discriminan, din, ó noso país.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí