Outes dá os primeiros pasos para incluír unha zona de chan industrial no PXOM

OUTES> A zona escollida para comezar os estudos para dotar de chan industrial ó municipio, é Xurisdición, nas proximidades da Serra.

Dende hai tempo o executivo outense vén realizando diferentes xestións para a consecución dunha vella demanda no municipio, como é a dotación de chan industrial. Despois da creación dunha comisión, na que están representados tódolos grupos da corporación, para traballar de forma conxunta e dar resposta así a esta vella reivindicación, o Concello vén de iniciar os trámites para a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal e así poder incluír no mesmo unha zona reservada para solo urbanizable de uso industrial.

Na comisión acordouse optar polo zona da Xurisdición, próxima á Serra de Outes, ó ser o lugar que, a priori, cumpre con tódols requisitos para este tipo de solo. Trátase de terreos nos que xa existe algunha nave na actualidade e que inclúen zonas fundamentalmente de uso forestal e nalgún caso agrario.

A partir de agora ábrese un proceso, cuxo primeiro trámite será precisamente a redacción dun estudo de Avaliación Ambiental Estratéxica, que unha vez concluído, será enviado á consellería de Medio Ambiente para ser sometido a consulta pública e para que se emitan os pertinentes informes sectoriais.

O alcalde, Manuel González, indicou que se trata dun primeiro pero importante paso dun proceso que, segundo el será complexo e longo, xa que depende de varias administracións, e que agarda chegue a bo porto.

Tamén sinalou que esta localización conta co beneplácito do tecido empresarial, con que se mantivo unha reunión e a quen se lle consultou sobre as distintas alternativas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí