Ferido de gravidade un mariñeiro tras caer nun barco atracado na Pobra

POBRA> Un accidente laboral ocorrido esta mañá na Pobra do Caramiñal deixaba ferido de gravidade a un mariñeiro do atuneiro ‘Monte Laura’, atracado no porto comercial.

O suceso producíase esta mañá, ó redor das dez. Ó parecer a vítima, un varón duns 40 anos de idade, e de orixe indonesia, caeu polas escaleiras interiores que dan acceso á sala de máquinas, quedando inmobilizado.

Para poder rescatalo, ó atoparse nunha zona de difícil acceso, foi necesario a intervención dos efectivos do parque de bombeiros de Ribeira.

Ó parecer presentaba feridas de diversa consideración, cunha posible rotura de cadeira. Foi evacuado en ambulancia ó hospital da Barbanza.

Ademais dos bombeiros e do equipo médico, tamén colaboraron no rescate Policía Local e Garda Civil da Pobra.