Boiro leva mañá a pleno a renovación do abastecemento de auga do río Corroño

BOIRO> O executivo boirense dispón na actualidade de tres puntos de subministro de auga potable. O procedente da captación da fervenza de Cadarnoxo, a do río Ulla e a que recolle a auga do río Coroño. Esta última instalación presenta na actualidade numerosas deficiencias. É moi antiga, con tubaxes de fibrocemento que sofren a miúdo roturas que deixan sen abastecemento de auga a boa parte do municipio.

Por esta razón ten previsto acometer a súa mellora, a través da renovación da tubaxe no primeiro tramo, o máis próximo ó entorno do lugar de captación no río, e a instalación dun novo bombeo.

Esta actuación, por un importe de algo máis dos 200 mil euros, prevé realizarse con cargo ó remanente de tesourería do ano 2021, polo que é necesario a súa aprobación en pleno.

O equipo de goberno levará tamén ó pleno de mañá outro expediente de modificación de crédito para facer uso doutra parte do remanente de tesourería, preto dos 215 mil euros para financiar un total de cinco actuacións.

Entre as actuacións propostas neste plan de investimentos atópanse a mellora dun acceso ó CEIP de Escarabote, a reforma dos vestiarios e o acceso ó campo de fútbol de Valiño ou o arranxo de diversos camiños na Arribada, en Cures, na Cuncheira e en Mieites, entre outros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí