CAMBADOS> Cambados quere reactivar canto antes o proxecto da praza de abastos, que leva anos paralizado. Agora que Portos deu o visto bo ao plan especial, a Xunta comprométese a financiar a reforma do mercado, xunto con fondos do goberno central. A gran novidade é que agora todas as administracións están de acordo en darlle unha volta ao proxecto, apostando pola reforma da actual praza no canto de construír un novo edificio.
A reforma da praza de abastos de Cambados semella o conto de nunca acabar, pero desta volta parece que comeza a verse a luz ao final do túnel. Tras case unha década a voltas co proxecto, e co plan especial de Portos encarando xa a súa última fase, o concello quere reactivar canto antes este asunto. O goberno local reuniuse co Conselleiro de Emprego e Comercio, que trasladou a vontade da Xunta de manter o financiamento comprometido para o mercado, xunto cos fondos do goberno central.
E parece que todos queren que vaia para o mesmo lado. Agora, en vez de apostar pola construción dun novo edificio, seica todos coinciden en que o mellor é rehabilitar o actual mercado.
Por outra banda, o concello tamén está a facer xestións para avanzar na ampliación do polígono de Sete Pías, que precisa de cambios urbanísticos. Das posibles solucións, a proposta da Xunta é que o concello faga unha modificación puntual das súas normas subsidiarias.
A idea é poder ampliar o polígono en máis de 230.000 metros cadrados.











