Os usuarios do tren de Vilagarcía ven con bos ollos a creación dun servizo de proximidade

VILAGARCÍA> Os usuarios do tren de Vilagarcía ven con bos ollos a creación dun servizo de proximidade. A proposta, que suporía reduci-los custos das viaxes, chegará ó Parlamento de Galicia da man do grupo socialista. A iniciativa foi aprobada por unanimidade no pleno vilagarcián.

A iniciativa solialista suporía que os ata o de agora traxectos de media distancia fosen considerados como de proximidade. Para o PSdeG, isto suporía o abaratamento dos prezos do billete e un incremento das frecuencias. A proposta, impulsada polo goberno local, foi aprobada por unanimidade no último pleno de Ravella.

Agora, a iniciativa será debatida no Parlamento de Galicia. E todo para que a Xunta reactive a vella reivindicación dun servizo de proximidade ante o Ministerio de Fomento, unha vella demanda que leva tempo esquecida.

Os usuarios do tren aplauden a proposta. Cren que cun tren de proximidade, ademais de reduci-los prezos, mellórase a calidade do servizo.

O eixo Vigo-Pontevedra-Vilagarcía é, xunto co treito A Coruña-Ferrol-Santiago a única área de España que acada o medio millón de habitantes e que non dispón dun servizo de proximidade.