Pontevedra prepara un ‘plan de choque’ para reactivar a economía cando pase a crise do coronavirus

PONTEVEDRA> Pontevedra traballa nun ‘plan de choque’ para reactiva-la economía local cando remate a crise do coronavirus. A idea do goberno local é mobilizar entre 15 e 20 millóns de euros. Iso so, para poder levalo a cabo, o alcalde da cidade esixe a derrogación da coñecida como Lei Montoro, para poder flexibiliza-lo teito de gasto. Lores di que para iso, as distintas administracións deberán coordinarse.

Os esforzos do Concello de Pontevedra céntranse, polo de agora, na prevención e contención do coronavirus. Pero cando a pandemia pase, di o alcalde da cidade, hai que estar preparados. Por iso, o goberno local está a elaborar un plan de choque para reactiva-la economía local. Preténdense mobilizar entre 15 e 20 millóns de euros.

Para levar a cabo este plan de choque, o alcalde de Pontevedra salienta a necesidade de unir forzas entre administracións para obxectivo: derroga-la coñecida como Lei Montoro.

Lores presentou este plan ó resto de voceiros municipais na Reunión do Comité de Emerxencia do Coronavirus de Pontevedra, ó que non puido asistir o líder da oposición, o popular Rafa Domínguez.  Nese encontro, o rexedor aproveitou para salienta-lo bo comportamento dos veciños da cidade durante o estado de alarma.

O alcalde tamén tivo palabras de agradecemento para os traballadores dos servizos sociais, de protección civil, dos departamentos económicos e dos servizos informáticos, por permitir, dixo, que o Concello siga traballando a tempo completo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí