VILAGARCÍA> Finalmente, en Vilagarcía, non haberá folga do servizo de recollida do lixo. Os traballadores de Urbaser aceptaron onte a proposta da empresa para non parar a súa actividade durante as Festas de San Roque. Trátase dun acordo de mínimos que conseguiu en asamblea o apoio da maioría do persoal.
Vilagarcía xa respira tranquila. Onte en asamblea os traballadores do servizo de recollida do lixo aceptaron a proposta de mínimos que unhas horas antes lles poñía sobre a mesa Urbaser. Un acordo que freou a folga convocada en plenas festas de San Roque.
Así as cousas, o acordo acadado non recolle o incremento salarial dun 15% entre 2023 e 2025 que reclamaba o persoal. Tampouco a suba dun 11%, a segunda proposta posta sobre a mesa. No seu lugar, a empresa propuxo unha paga única e non consolidable de entre 1.000 e 1.500 euros este ano e unha suba do 1,5% dos salarios no 2024. Para 2025, Urbaser comprometeuse a entregar case o 62% do total do incremento das súas retribucións que lle conceda o concello de Vilagarcía pola primeira revisión do contrato de oito anos que está en vigor dende primavera.
A pesares de quedar por debaixo das aspiracións iniciais, o acordo foi recibido como unha boa nova para o comercio e a hostalería de Vilagarcía. Tamén polo concello, temeroso de que a folga coincidira coas festas grandes da vila.