PONTEVEDRA> A falta de dez días para que se celebre a Noiteboa, os pontevedreses comezan a organizar todo para estas datas. E aínda que hai moitas dúbidas sobre como celebrar este ano esta festa, a meirande parte da cidadanía asegura que o fará con grupos moi reducidos. Iso si, nas mesas non faltará o marisco.
Comeza a conta atrás para celebrar a Noiteboa e os pontevedreses ultiman todos os preparativos para estas festas. Así e todo, este ano a celebración será moi distinta e estará marcada polas restricións da Covid.
Atrás quedaron as grandes reunións dunha vintena de persoas. Neste 2020 teremos que acostumarnos a celebrar estas datas tan especiais con grupos reducidos porque o máis importante é a saúde.
Tendo claro que gozaremos destas festas en grupos moi reducidos, agora soamente queda por aclarar cal será o menú para esta noiteboa tan atípica.
Aínda que moitos estarían contentos cuns macarróns con atún, a meirande parte dos pontevedreses teñen claro que na súa mesa non faltará o marisco.
Sexa cal sexa o menú elixido, o que non pode faltar en todos os fogares é a prudencia e a responsabilidade, porque esas serán a clave para que en 2021 si podamos gozar dun Nadal por todo o alto.