PONTEVEDRA> O Museo de Pontevedra quere expoñer ‘A derradeira lección do mestre’, obra cume de Castelao. O presidente e o vicepresidente da Deputación mantiveron un encontro co presidente do Centro de Galicia de Bos Aires para iniciar as conversas cara unha cesión temporal desta peza do rianxeiro. O obxectivo é poder expoñela no ano 2026.
Primeiras conversas entre a Deputación de Pontevedra e o Centro de Galicia de Bos Aires cun obxectivo claro: negociar a cesión e exposición temporal da obra de Castelao ‘A derradeira lección do mestre’ no Museo de Pontevedra.
‘A derradeira lección do mestre’ forma parte da colección Galicia Mártir. Son 31 debuxos repartidos en tres álbums sobre a Guerra Civil realizado polo galeguista rianxeiro. O Museo pontevedrés garda estas obras, entre elas o debuxo orixinal que serviu de base para a elaboración deste cadro que se custodia na Arxentina.
Tanto a Deputación como o Centro Galego de Bos Aires amosaron a súa boa predisposición para chegar a un acordo que permita que a obra se expoña en Pontevedra no ano 2026.
Dende a administración provincial consideran que acoller este cadro suporía un fito histórico para a provincia, onde nunca se chegou a exhibir a obra. Tamén avanzar cara a consolidación de Pontevedra como un motor para a cultura, despois de clausurar a 32 edición da Bienal de Arte.











