A taxa de criminalidade en Boiro durante o 2025 situouse por debaixo da media estatal

BOIRO> Boiro é un municipio seguro, ou así se deixa entrever, despois da publicación dos índices de de criminalidade correspondentes ó pasado ano 2025, cunha cifra de 45 delitos por cada mil habitantes, unha cifra inferior á media estatal.

Os datos foron facilitados pola propia Subdelegación do Goberno na Xunta Local de Seguridade celebrada no Concello na que tomaron parte tamén representantes dos corpos de seguridade do Estado, tanto Garda Civil coma Policía Autonómica e da Policía Local.

Na reunión déronse a coñecer tamén os datos do primeiro cuadrimestre de 2026 que reflicten unha evolución positiva, cun descenso considerable tanto dos delitos como das infraccións penais rexistradas no municipio.

Na xuntanza coordináronse tamén os dispositivos e medios dispoñibles para afrontar a época estival, poñendo o foco nas multitudinarias celebracións e eventos do verán, con especial atención nas festas, que darán comezo nun par de semanas, do 3 ó 8 de xullo, nas que se está a valorar a instalación dun Posto de Mando Avanzado cun sistema de vixilancia específica para eses días.

Na reunión tamén se presentaron os resultados do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas, unha iniciativa do Ministerio do Interior desenvolvida en Boiro pola Garda Civil, coa participación de seis centros educativos do municipio, onde se viñeron realizando actividades formativas e de sensibilización.