Un emprendedor de Noia incorpora un desfibrilador semiautomático no seu taxi

NOIA> Os noieses contan dende hoxe cun servizo de transporte pioneiro en toda Galicia. Trátase dun taxi adaptado que incorpora un desfibrilador. A iniciativa foi asumida polo taxista Francisco Mayo quen non dubidou en realizar un importante investimento para garantir a seguridade dos seus usuarios.

O concello de Noia poder presumir de ser un dos poucos de Galicia, se non o único en contar cun taxi adaptado dotado cun desfibrilador. Foi a iniciativa dun taxista, Francisco Mayo, que decidiu acometer este proxecto para prestar ós noieses un servizo que vai moito máis aló dun simple traslado.

O vehículo, que xa estaba adaptado para o transporte de persoas con mobilidade reducida, incorpora agora un desfibrilador para reducir os tempos de resposta no caso de que algún usuario sufra un accidente cardiovascular. Este equipamento especial non supón ningún custo engadido para os usuarios.

A intención deste emprendedor é seguir medrando polo que a medio prazo agarda poder incorporar este servizo noutro vehículo, para o cal un compañeiro xa ten previsto a realización de cursos de manexo do DESA e primeiros auxilios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí