PONTEVEDRA> O Concello de Pontevedra presentou hoxe o proxecto de orzamentos municipais para o ano 2021. Uns presupostos de 100 millóns de euros que estarán dirixidos a reactivar a economía local tras a pandemia.
“Os orzamentos da reactivación económica”. Así definiu hoxe o alcalde de Pontevedra o proxecto de orzamentos de 2021. Os presupostos contarán cunha contía de 80 millóns de euros pero, coa incorporación dos remanentes, esta cifra ascenderá ata os 100 millóns.
A maior partida destes orzamentos será a de gasto corrente, que ascende a 38 millóns de euros. Isto débese aos gastos derivados da Covid e á incorporación do Pazo da Cultura. Ademais, o capítulo de ingresos increméntase en 1,3 millóns de euros. E todo a pesar de que o goberno local anunciou que conxelará as taxas por sétimo ano consecutivo. Por outra banda, aos investimentos directos destinaranse case 13 millóns de euros.
Estes presupostos chegan tras o acordo entre o BNG e o PSOE. Neste sentido, Tino Fernández quixo destacar a boa sintonía que existe entre as dúas forzas que forman o goberno e aproveitou tamén para poñer en valor o carácter social destes orzamentos.
O que non se inclúe nestes orzamentos é a demanda máis repetida polos hostaleiros da cidade: a exención de taxas municipais.
O proxecto de orzamentos levarase a debate no Pleno de xaneiro.