Gastromar volverá levar ás mesas dos ribeirenses os mellores peixes e mariscos galegos

RIBEIRA> Os sabores do mar chegarán a Ribeira na quinta edición de Gastromar que se desenvolverá do  20 ó 23 de agosto na Praza de España. A cita, organizada pola asociación de empresarios, conta coa colaboración das confrarías de Ribeira e Aguiño, e diferentes empresas e administracións como Xunta e concello.

Peixe e marisco do máis variado protagonizan a quinta edición da Feira Gastromar que arrancará en Ribeira o xoves 20 de agosto. Durante catro xornadas, veciños e visitantes poderán elixir entre navallas, ameixas, lirios, sardiñas e demais variedades con gran peso nas lonxas de Ribeira e Aguiño.

Ademais dos postos gastronómicas haberá obradoiros para nenos, showcookings e unha xornada especial para os maiores na que a organización convidará ós usuarios de AGADEA e a residencia da terceira idade a unha degustación.

Nesta edición, a asociación de empresarios pretende implicar tamén ó comercio local polo que se celebrará un sorteo de vales de compra por valor total de 500 euros entre os asistentes á feira.