O presunto asasino de Andrea Yturry participa na reconstrución do crime

RIBEIRA> Esta mañá tivo lugar en Palmeira a reconstrución do asasinato de Andrea Yturry, O presunto autor, Juhl Príncipe Casahuaman, participou na recreación dos feitos acontecidos o pasado 9 de marzo cando acabou coa vida da súa exparella. En paralelo, celebrouse nas inmediacións unha concentración en repulsa da violencia machista a iniciativa de Mulleres en Acción.

Tres meses despois do asasinato de Andrea Yturry, tiña lugar na escena do crime a reconstrución dos feitos. O presunto autor, Juhl Príncipe Casahuaman, era trasladado nun furgón policial dende a prisión ata o domicilio situado na rúa Doutor Torres onde presuntamente acabou coa vida da súa exparella o pasado 19 de marzo. Percorreu andando os poucos metros que separan o lugar onde aparcou o coche aquela fatídica tarde ata a vivenda onde se perpetrou o crime. Alí, narrou ós axentes como acabou coa vida de Andrea e tentou suicidarse posteriormente coa mesma arma.

A Policía Nacional despregou un amplo dispositivo de seguridade composto por numerosos axentes e vehículos policiais que se encargaron de cortar os distintos accesos á vivenda. Ademais de cámaras, a policía chegou mesmo a utilizar un dron para documentar en vódeo a recreación de cara ó xuízo que previsiblemente podería comezar despois do verán.

Coincidindo coa presenza do presunto asasino no lugar, medio cento de persoas concentráronse no adro da igrexa de Palmeira, nas inmediacións do lugar do crime. Estaban convocadas polo colectivo Mulleres en Acción co fin de mostrar o seu apoio e solidariedade coa familia e achegados da vítima.

A nai de Andrea sumouse sumáronse tamén á concentración. Rota de dor declinou facer declaracións pero amosou a súa gratitude ós veciños que quixeron participar neste acto que contribúe, en certo modo, a manter viva a memoria da súa filla.