Tourís e Varela recuperan a boa sintonía entre o porto vilagarcián e Ravella

VILAGARCÍA> Cordialidade e boa síntonía na primeira reunión institucional entre o novo presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía e o alcalde da cidade. Jose Manuel Cores Tourís e Alberto Varela defenderon a necesidade de chegar a acordos en beneficio de todos. Sobre a mesa, proxectos que levan anos bloqueados, como o futuro da Comandancia ou o aproveitamento dos terreos do Ramal.

Despois de anos de tensións coa anterior presidenta do Porto de Vilagarcía, o seu novo responsable e o alcalde da cidade sentan as bases da nova relación que se establece entre ambas partes.

Jose Manuel Cores Tourís e Alberto Varela mantiveron esta mañá o seu primeiro encontro institucional, marcado pola boa sintonía. Ambos coinciden na necesidade de chegar a entendementos polo ben común.

Sobre a mesa, moitos asuntos vitais que levan tempo atoados. Entre eles, o futuro da Comandancia ou o hotel que o porto pretendía construír no Ramal. Ademais, tanto a Autoridade Portuaria como Ravella cren urxente buscar unha solución para o asentamento de novas empresas nesa zona. Tourís e Varela entenden que a fórmula para conseguilo non é o importante.

Iso si, na xuntanza desta mañá abordáronse os temas dun xeito superficial. Unha primeira toma de contacto para construí-los cimentos da nova relación.

Tourís convidou ó alcalde a visita-las instalacións portuarias á volta de Reis. Un convite que o alcalde xa aceptou.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí